Saturday 18 de May de 2024

A Xunta convoca as axudas a homes que reducen a súa xornada laboral para o coidado de fillos e fillas menores de tres anos


Tamén poden ser solicitadas por familias monoparentais, con independencia de que a persoa responsable da unidade familiar sexa un home ou unha muller

O A Secretaría Xeral de Igualdade vén de convocar as axudas aos traballadores que reducen a súa xornada laboral para coidar dos seus fillos ou fillas menores de tres anos.

Esta liña de axudas ten coma obxectivo apoiar a asunción de responsabilidade familiares por parte dos varóns e contribuír á desaparición dos estereotipos sobre a diferente disposición de homes e mulleres a asumir o coidado dos fillos e fillas menores. As solicitudes poderanse presentar por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.es, e a súa concesión será por orde de entrada.

A resolución foi publicada onte no Diario Oficial de Galicia e o prazo de presentación comeza hoxe, 1 de abril, e estenderase durante un mes.

Neste contexto, as axudas de Igualdade supoñen un apoio económico para aqueles traballadores que reduzan a súa xornada laboral a estes efectos, considerando que esta medida favorece tamén a permanencia no mercado laboral das mulleres traballadoras con responsabilidades familiares. Ademais dos varóns, as axudas tamén poden ser solicitadas por familias monoparentais, con independencia de que a persoa responsable da unidade familiar sexa un home ou unha muller.

En concreto, poden solicitar as axudas as persoas que se atopasen en situación de redución da xornada entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 30 de abril 2016, polo coidado de fillos ou fillas biolóxicas ou ben adoptadas ou en situación de acollemento familiar, permanente ou preadoptivo. O orzamento destas axudas ascende a 440.000 euros, e a contía que poden percibir as persoas beneficiarias vai dos 1.700 aos 3.700 euros, en función da porcentaxe de redución da xornada e do número de menores ao seu cargo.

Entre 2009 e 2015 o Goberno galego outorgou máis de 3,5 millóns de euros para os traballadores que reduciran a súa xornada laboral, beneficiando a un total de 1.560 persoas.

Fomentar a corresponsabilidade
O obxectivo destas subvencións de Igualdade é fomentar a corresponsabilidade e impulsar así o cambio dos roles diferenciados entre mulleres e homes, implicando a estes últimos na atención e o coidado dos seus fillos e fillas. Neste contexto, as axudas supoñen un apoio económico para aqueles traballadores que reduzan a súa xornada a estes efectos, ao tempo que favorecen tamén a permanencia no mercado laboral das mulleres traballadoras con responsabilidades familiares.